O TS manifestou a través da sentenza de 29 de setembro de 2023 (recurso de casación 4542/2021, ECLI:ES:TS:2023:3978), que Facenda non poderá acceder ao contido dos dispositivos electrónicos persoais dos contribuíntes (móbiles, computadores, memorias…), salvo en determinados casos, e sempre baixo un estrito control xudicial.
Así, o Alto Tribunal casa e anula a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, de 13 de abril de 2021 (ECLI:ES:TSJMU:2021:702) que avalara o auto ditado o día 14 de outubro de 2020 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 5 de Murcia, mediante o cal se autorizaba o acceso e copia dos datos do disco duro do computador persoal dun contribuínte, varios meses despois de que a inspección tributaria realizase unha copia do citado disco duro como medida cautelar.
O Supremo, nesta sentenza, entende que a inspección tributaria realizada vulnerou os dereitos fundamentais do recorrente á intimidade persoal e familiar, ao secreto das comunicacións e á protección de datos de carácter persoal, sentando a seguinte xurisprudencia:
1.- En principio, as regras de competencia e procedemento establecidas pola lei procesual para a autorización xudicial de entrada e rexistro domiciliario, son inidóneas para “autorizar o copiado, precinto, captación, posesión ou utilización dos datos contidos nun computador, cando esa actividade se produce fóra do domicilio do comprobado e pode afectar o contido de dereitos fundamentais.”
2.- Non obstante o anterior, o acceso e tratamento de información persoal almacenada en dispositivos electrónicos deberá estar suxeito aos principios de necesidade, adecuación e proporcionalidade, xa que pola contra tal actuación podería supoñer a vulneración de dereitos fundamentais.
3.- Estas esixencias, deben ser obxecto dun xuízo ponderativo por parte do xuíz da autorización e, ademais, non poden basearse, exclusivamente, no relato que realice a Administración na súa solicitude, debendo, por tanto, someter tal información a un mínimo contraste e verificación. Así, o respecto aos dereitos fundamentais primará, en todo caso, sobre o exercicio das potestades administrativas.
Tendo en conta os referidos criterios, o TS conclúe que no caso obxecto de fallo non se observaron tales esixencias, polo que se accedeu a datos de contido persoal de maneira indiscriminada, e antes de existir autorización xudicial, vulnerándose así os dereitos fundamentais do contribuínte. Polo tanto, cualifícase a actuación de Facenda como nula de pleno dereito, cualificación que se fundamenta no disposto polo art. 217.1 a) da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.