O Pleno do TC desestimou por unanimidade o recurso de inconstitucionalidade promovido por máis de 50 deputados de Vox contra a Real Decreto-lei 14/2021, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Os deputados de Vox, no seu recurso, solicitaban a declaración da inconstitucionalidade dese decreto ao considerar que non concorría a situación de “extraordinaria e urxente necesidade” esixida polo artigo 86.1 da Constitución española; e, así mesmo, por entender que se vulneraba o dereito fundamental de acceso en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos previsto no artigo 23.2 da norma suprema do ordenamento xurídico.
Descarta César Tolosa, como maxistrado relator desta sentenza, que se infrinxira ningún artigo da Constitución, xa que o Goberno na memoria de impacto normativo, na exposición de motivos da norma e, posteriormente, no debate de convalidación, satisfaría “suficientemente a carga de explicitar e razoar a concorrencia da situación de extraordinaria e urxente necesidade” que lle levou a ditar o citado Real Decreto-lei 14/2021, do 6 de xullo; e que o mesmo tampouco non levaba a cabo unha regulación xeral do artigo 23.2 CE, nin do seu contido esencial.