O Tribunal de Xustiza da Unión de Europea (TXUE) publicou onte unha nova sentenza na que insiste en que a medida máis efectiva para sancionar a fraude de lei provocada polo encadeamento de contratos temporais no sector público, sería a conversión masiva de traballadores interinos en fixos. Considera esta medida acorde á legalidade, sempre e cando os empregados estivesen “suxeitos ás mesmas causas de cesamento e de despido que aquelas que rexen para os funcionarios de carreira sen, non obstante, adquirir a condición de funcionario de carreira”.
Esta decisión choca frontalmente cunha sentenza recente do TS que rexeitou as conversións automáticas neses casos ao considerar que contradice os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública española.
Esta sentenza europea chega como resposta a unhas cuestións prexudiciais formuladas polo Xulgado do contencioso-administrativo de Barcelona ao TXUE, que tiñan como protagonistas a tres empregadas públicas que encadearon sucesivos contratos temporais.
Ainda que o TXUE considera que a normativa española non é contraria ao Acordo marco da UE no que se refire aos prazos para prover a praza ocupada por un traballador temporal, sempre e cando se cumpra a obriga legal de provisión en prazo, si estima insuficientes as sancións previstas pola lexislación para castigar á Administración en caso de abuso. Así, nestes supostos, procédese a convocar os correspondentes procesos selectivos, e no caso de que o interino non supere o citado proceso simplemente se procede ao pagamento dunha indemnización. En consecuencia, o TXUE considera que esta sanción non permite “nin a reparación proporcionada e efectiva nin a reparación adecuada e íntegra dos danos derivados dos ditos abusos”.
Se ben con esta sentenza ratifica como posible solución a esta problemática a conversión en fixos dos interinos, o TXUE é sabedor de que esta sanción resulta contraria á xurisprudencia do Tribunal Supremo. Non obstante, insta ós xulgados españois a inaplicar a xurisprudencia do Supremo “se esta se basa nunha interpretación das disposicións da Constitución incompatible cos obxectivos da Directiva 1999/70 e, en particular, da cláusula 5 do Acordo marco”; e tamén a revisar a xurisprudencia reiterada polo alto tribunal para comprobar se realmente é conforme a finalidade perseguida pola Directiva 1999/70.