Como xa fixera a Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ao rexeitar declarar fixos a tres empregados públicos, agora é o Tribunal Supremo o que desbota a posibilidade de levar a cabo a conversión automática de interinos en traballadores fixos.
O Alto Tribunal nega así que esta medida poida derivarse do disposto pola sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 22 de febreiro de 2024, sinalando que a mesma resulta “incompatible” co sistema de selección da Administración Pública española, aplicado tanto aos funcionarios públicos coma ao persoal laboral, o cal se basa nos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Esta sentenza derívase dun recurso de casación presentado para a unificación de doutrina formulado pola Xunta de Castela e León, en relación ao caso dunha auxiliar de enfermaría recoñecida como indefinida non fixa que reclamaba ter dereito a acceder a un concurso de traslados que, por norma convencional, se reservaba exclusivamente a persoal fixo.
O Supremo, non obstante, rexeita tales pretensións, en tanto en canto, considera que a situación desta traballadora “non é equiparable á dos que accederon á súa plaza mediante unha oposición”.
Considera así, que o trato diferenciado entre temporais e fixos por razón obxetivas é permitido pola cláusula cuarta da directiva europea 1999/70/CE. Ademais, sinala que os traballadores interinos e fixos son distintos xa que só os últimos aprobaron un proceso de oposicións en función dos seus méritos e capacidades, sendo esta a razón pola que non se poden equiparar os seus dereitos de maneira automática.
Non obstante o anterior, mediante unha nota pública o TS negou a existencia dunha confrontación co posicionamento defendido polo TXUE. Como resultado, mediante Auto de 30 de maio de 2024 (rec.5544/2023) expuxo unha cuestión prexudicial ante o TXUE aos efectos de clarificar se resulta conforme ao Dereito da UE a doutrina xurisprudencial española que nega recoñecer a condición de fixos a aqueles traballadores que non superasen o correspondente proceso de selección conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.